Vicente Araguas, poeta

Débolle moito á poesía. Tenme salvado de moitos perigos

Vicente Araguas (Xuvia-Neda, 1950) foi moi coñecido nos anos sesenta e setenta pola sua laboura no grupo Voces Ceibes, aquel fato de mozos que empezaron a cantar en galego unhas letras de protesta antifranquista e reivindicación social e política, un grupo no que tamén estaban Xavier, Benedicto, Bibiano, Xerardo Moscoso, Miro Casabella, Suso Vaamonde e outros.

Araguas-paraguas Vicente Araguas, poetaAgora é profesor de literatura en Madrid, e tamén crítico literario, traductor e, por enriba de todo, poeta. Ten ás suas costas unha produción literaria inxente, feita de novelas, relatos, poemarios, ensaios…

Acaba de publicar simultáneamente seus dous últimos libros de poemas, un escrito en galego e utro en castelán e unha novela, “Través do trebón” (Belagua). Deles falamos nesta conversa, e tamén de outras cousas.

Paco Pastoriza: Acabas de publicar dous poemarios casi ao mesmo tempo, un deles en galego (“O amor non se fala soamente”. Medulia Editorial), cunhas belidas ilustracións de Manuel Patinha, e outro en castelán (“Ayer y todavía”. Pigmalion), cando hai apenas un ano publicabas, tamén en castelán, o libro de relatos “Los pavos trufados”. Todo despois dunha amplia producción, tamén bilingüe, que abarca unha temática moi diversa. ¿Cómo decides o que escribes en galego e o que escribes en castelán?

Vicente Araguas: Non o sei. Supoño que o idioma é o que me escolle a mín e non ao revés. De vivir en Galicia en canto de facelo en Madrid escribiría soamente en galego, porque a miña vida sería maiormente nesta lingua. Aquí o conto éche outro. “Los pavos trufados” ten moito que ver coa miña experiencia docente, por activa ou pasiva, desenrolada básicamente en castelán. Por iso. Outro cantar sería a diferencia estilística. Haina e sería moi prolixo explicala aquí e agora. Sí sei que a miña escrita, sendo a mesma, varía moito dunha lingua a outra. Ben que en galego procure a excelencia. Isto é, xamais traduzo do castelán. Ou sexa, nunca diría “pelo longo” senón “pelo grande” nin “a toda hostia” mais “a fume de carozo” e bótalle fío ao papaventos da ideoloxía lingüística.

Pastoriza: Nestes poemarios están moi presentes a memoria, as lembranzas e as evocacións dun tempo pasado, preferentemente a adolescencia (“Si estás ahí todavía”) e a nenez (“Una historia doméstica”), pero, como en toda a tua poesía hay tamén unha forte presencia do amor. ¿E a túa unha poesía preferentemente amorosa?

Araguas: En literatura, xa se sabe, non hai máis que dous temas: Eros e Tánatos. Eu rolo –like a rolling stone, sí- a través de ambos campos. Ás veces confluentes, por certo. Tamén no pouso melancólico, de saudade e morriña presentes na morte ou no desamor (por momentos o mesmo). Mais a temática amorosa, certo, está moi nidia na miña obra. E hai un traballo espléndido de Verónica Palomares (en “Madrygal”, atopable en internet) moi explícito verbo desta cuestión. Así e todo digo como o mestre Octavio Paz que “amar es combatir”. E xa.

Pastoriza: Outro dos temas recurrentes é a presenza do cotidián, daqueles detalles da vida diaria que aparecen en forma de imaxes en paisaxes familiares (“Huerto a la vista”), da contemplación dunha parella de gatos no tellado (aquí a evocación daquela película protagonizada por Paul Newman e Liz Taylor), o ladrar dos cans na noite, as tardes de fútbol na compaña do teu pai… ¿É esa cotidianidade o amarre de mais forza na túa poesía, á que defines como asidero, áncora, manta para taparse?

Araguas: Como dicía o outro, o outro para o caso é Unamuno, falo de mín porque é quen teño máis a man. Pero que, ademais, a poesía é certamente porto, abeiro, faro, cobertor, útero onde acougar. A mín tenme salvado de moitos perigos. É a miña zona de confort, o meu espazo, a miña sesión de sicanálise cásque diaria. Distinto que publique canto escriba. Que de ningunha maneira. Porque tamén poetizo como exercicio hixiénico. E non me vai mal. Débolle moito á poesía. “La Poesía, Señor Hidalgo…” E agora estou citando a Cervantes que, seguro, tería dado moito por ser mellor poeta que narrador. Eu, xa postos, tería trocado algún dos meus mellores versos por vestir, aínda que fose unha vez tan sóa, a camisola do Racing de Ferrol. Outra historia, claro.

Pastoriza: Na evocación da memoria está presente unha cultura que de algún xeito conforma o background dunha xeneración: das cancións de Antonio Machín á música de Pink Floyd, Leonard Cohen ou Amy Winehouse e Dylan (por certo que a tua tese de doutoramento vai sobre este tamén poeta-cantante), de Cassius Clay e do visionado das etapas do tour de Francia no televexo ás primeiras lecturas prohibidas, como “O amante de Lady Chatterley”, dos primeiros amores (“Corazón dislocado”), á descuberta do sexo… ¿Qué influencia ten esa cultura xeneracional na tua poesía?

Araguas: Toda. Son fillo dunha época onde o mundo virara e virara louco. O meu pequeno mundo, tamén. A descuberta do rock, en senso lato, tivera tanto que ver para o meu concepto poético como a de Neruda, dos poetas “beat” ou Celso Emilio Ferreiro. Todo iso foi forxando a miña poética, de maneira que hoxe, tantos anos despois, non deixa de (re)aparecer. E é que me pasa, “mutatis mutandis”, como a Turner cando Ruskin o acusara de pintar un cadro, polo que cobrara unha millonada, en vinte minutos. Turner argumentou, sabiamente, que levaba vinte anos pensándoo. A mín pásame igual.

Pastoriza: Non podes evadirte tampouco dunha etapa da tua vida que tuvo unha influencia decisiva na tua persona e na tua obra, como foi a pertencia ao grupo de Voces Ceibes (un dos poemas de “O amor non se fala soamente” titúlase “Fixen un tempo canción protesta”. Por certo que eras dos poucos que compoñía tamén as letras das canción que cantabas. ¿Cal é a diferencia entre a letra dunha canción e a de un poema, e cal é a influencia daquela etapa na tua obra actual?

Araguas: A efectos poéticos moi pouco, nada. As letras, en xeral, teñen pouco que ver cos poemas. Son para dous, tres minutos e sen soporte musical (agás excepcións, Brassens, Brel ou os propios poemas de Cohen, musicados por él mesmo) teñen pouco que facer. Agás que as digas cunha locución boa. (Pero iso valería tamén para recitar a guía telefónica, ¿nonsi?). Por certo, o meu primeiro poema (botando fóra as trapalladas de “pavo trufado” que hai moito queimei en pira xusticieira), “Porque te quero, que pouco importa…”, está en “Paisaxe de Glasgow”, ía ser, foi, letra de canción. Mais, diante del decateime que era moito máis que iso. Algo así.

Francisco R. Pastoriza
Profesor de la Universidad Complutense de Madrid. Periodista cultural Asignaturas: Información Cultural, Comunicación e Información Audiovisual y Fotografía informativa. Autor de "Qué es la fotografía" (Lunwerg), Periodismo Cultural (Síntesis. Madrid 2006), Cultura y TV. Una relación de conflicto (Gedisa. Barcelona, 2003) La mirada en el cristal. La información en TV (Fragua. Madrid, 2003) Perversiones televisivas (IORTV. Madrid, 1997). Investigación “La presencia de la cultura en los telediarios de la televisión pública de ámbito nacional durante el año 2006” (revista Sistema, enero 2008).

1 COMENTARIO

  1. Moi boa entrevista. Di que Neda ten un irmandamento de moitos anos e por razóns históricas con Algeciras.

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.