Henrique Monteagudo: O idioma galego baixo o franquismo

En 1938, Franco afirmaba que na nova España totalitaria se imporía «una unidad nacional, que la queremos absoluta, con una sola lengua, el castellano, y una sola personalidad, la española».

o-idioma-galego-baixo-o-franquismo-obradoiro-38-mmindd Henrique Monteagudo: O idioma galego baixo o franquismo

Tras a caída de Cataluña, La Vanguardia publicaba un editorial titulado «Hablar como Franco», unha consigna repetida ao longo das vindeiras décadas que sintetiza a política lingüística e cultural represiva da ditadura.

«Estaba inspirada nun nacionalismo español excluínte e brutalmente autoritario, o cal significaba non só a imposición do español como a única lingua oficial do Estado e do sistema educativo, senón a expulsión dos idiomas propios das nacións periféricas da vida pública e un control estrito sobre o seu cultivo», expresa Henrique Monteagudo n’o idioma galego baixo o franquismo (Galaxia, 2021).

O académico afonda no que é o seu último libro na historia social da lingua galega durante o período franquista, analizando con detalle a súa marxinación sistemática e mais a resistencia galeguista dirixida a constituír un sistema cultural autónomo co idioma como o elemento definidor.

O coordinador do Seminario de Sociolingüística e vicesecretario da Real Academia Galega presentou en rolda de prensa o seu novo traballo, continuación da Historia social da lingua galega (1999), acompañado do presidente da institución, Víctor F. Freixanes, e a secretaria, Margarita Ledo Andión, e mais o director xeral de Galaxia, Francisco Castro.

«O profesor Monteagudo leva anos dedicado ao estudo social da lingua, tanto na realidade presente como na súa dimensión histórica. Hoxe é unha primeira autoridade do tema. Este libro é unha crónica necesaria dos esforzos da sociedade galega, mesmo que fosen algunhas minorías, para a recuperación da dignidade do idioma en tempos moi adversos», salienta o presidente.

O volume, valora Margarita Ledo, «constrúese, dende a fasquía sociopolítica da lingua, unha nova xenealoxía que nos explica o pasado do presente e nos dá puntos a reflectir sobre un porvir que vai reclamar, coma na ditadura, a toma de posición persoal».

A obra marca «un antes e un despois» para calquera que queira achegarse a «un estudo rigoroso» do período abordado, engade Francisco Castro, que destaca tamén o pulso narrativo dun relato que deixa moi ben documentado todo o traballo «lingüicida» do franquismo.

Crónica da represión e da resistencia

As dinámicas de substitución do galego instauradas no século dezanove e intensificadas nas primeiras décadas do vinte «foron extraordinariamente potenciadas pola ditadura franquista, cuns resultados desastrosos no curto e no medio prazo”» recorda Henrique Monteagudo. «A situación e evolución sociolingüísticas do galego a partir de 1975 non poden ser entendidas sen facer referencia á pesada herdanza recibida», advirte.

Un dos elementos que xogou a favor da castelanización foi a progresiva extensión do aparato educativo, que ao longo do século vinte foi avanzando ata abranguer o conxunto da poboación galega en idade escolar. Os medios de comunicación foron outro axente castelanizador de crecente influencia xa que, salvo moi escasas excepcións, excluíron por completo a lingua propia de Galicia.

A persecución lingüística dos golpistas levou mesmo a prohibir o uso de calquera idioma que non fose o castelán en marcas, nomes comerciais, rótulos de bares ou tendas e nas proxeccións cinematográficas, ademais de impedir a escolla dos chamados «dialectos» para darlles nome aos fillos e fillas ou redactar calquera tipo documento oficial, lembra o autor  entre outros exemplos.

Malia non se dotar o réxime dunha lei xeral que prohibise expresamente o uso das demais linguas do Estado, a ditadura franquista exerceu unha brutal represión lingüística de facto profusamente documentada no volume xunto ás estratexias para canealo.

O autor revive episodios como o primeiro discurso público en galego nun espazo aberto tras a guerra civil, o pronunciado por Otero Pedrayo o 11 de novembro de 1949 co gallo da inauguración dun monumento a Valentín Lamas Carvajal; o nacemento en 1950 da Editorial Galaxia, a través da cal os galeguistas, ante o risco da acción política clandestina, decidiron concentrar os seus esforzos na acción cultural; o papel da censura, permisiva coa poesía en galego, pero implacable cando se intentou publicar a tradución dun texto filosófico de Heidegger aínda inédito en castelán, ousadía que supuxo en 1952 a suspensión da Colección Grial; ou a denuncia na Oitava Asemblea Xeral da Unesco, celebrada en Montevideo no ano 1954, dos agravios sufridos polo idioma galego na España de Franco, unha acción artellada coa complicidade do exilio antifranquista que probablemente facilitou a reapertura da cátedra de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Madrid e o desbloqueo tanto da tradución do ensaio de Heidegger ao galego como da edición das obras completas de Curros que tamén fora retida pola censura, lembra o filólogo.

O libro dá conta tamén de como se fixaron os alicerces da lingüística galega da segunda metade do século vinte e dos «antecedentes carcerarios» dos seus catro puntais, Aníbal Otero, Ricardo Carballo Calero, Cesáreo Saco e Ramón Piñeiro, todos eles represaliados polo réxime; detense tamén no rescate da Real Academia Galega na posguerra; na publicación dos primeiros dicionarios, no emerxer da xeración das Festas Minervais ou a xeración de La Noche; revive a contestación universitaria, o papel da música popular e a militancia política a partir dos anos sesenta; analiza a postura lingüística da igrexa católica e aborda as primeiras iniciativas para levar o galego á escola no tardofranquismo, entre outros aspectos e episodios destacados da historia da lingua de Galicia baixo a ditadura.

José Antonio Sierra Lumbreras
Licenciado en Filosofía y Letras, Magisterio y Estudios en la Escuela Oficial de Periodismo de Madrid. Residente 40 años en Francia, Reino Unido e Irlanda como profesor de español. En Irlanda fundó el Centró Español de Documentación y el Instituto Cultural Español, actual Instituto Cervantes de Dublín. Asímismo, fue corresponsal de: Agencia EFE, Diario Informaciones, Carta de España, Crónicas de la Emigración, España Exterior, La Región Internacional y Escuela Española. Jubilado.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.