Entidades en defensa das linguas galega, catalá e basca fan fronte común en Madrid polo audiovisual

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, denunciou que o Estado Español está enfermo de desigualdade e de falta de equidade entre as súas linguas oficiais, pero advertiu que existe unha cura eficaz e facilmente aplicábel

A Mesa Pola Normalización participou hoxe, 15 de decembro de 2021, en Madrid, xunto con Kontseilua, Òmnium Cultural, Acció Cultural del País Valencià, Obra Cultural Balear, Escola Valenciana e Plataforma per la Llengua na presentación dun fronte común pola defensa dos dereitos das linguas oficiais na Lei do Audiovisual do Estado.

mesa-por-audiovisual-lenguas-galega-catalá-e-basca Entidades en defensa das linguas galega, catalá e basca fan fronte común en Madrid polo audiovisual
Nas fotografía: Jordi Cuixart, presidente de Òmnium Cultural; Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua; Marcos Maceira, presidente da Mesa Pola Normalización; Anna Oliver, presidenta de Acció Cultural País Valencià (ACPV); Josep de Luís, presidente de Obra Cultural Balear (OCB); e Francesc Marco, secretario de Plataforma per la llengua.

As entidades de defensa das linguas galega, catalá e basca reuníronse previamente con representantes de BNG, EH Bildu, Compromís, CUP, ECP, ERC, Junts, PDeCAT, PNB e Més per Mallorca.

O encontro, que se realizou despois dunha sesión de traballo conxunto entre as entidades, serviu para facer chegar ás formacións políticas as reivindicacións lingüísticas e os acordos mínimos que debe incluír a nova lei audiovisual, provinte da Directiva Europea 2018/1808, que se está tramitando no Congreso e que dictará o futuro da industria audiovisual nas linguas oficiais do Estado español.

Neste encontro participaron Jordi Cuixart, presidente de Òmnium Cultural; Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua; Marcos Maceira, presidente da Mesa Pola Normalización; Anna Oliver, presidenta de Acció Cultural País Valencià (ACPV); Josep de Luís, presidente de Obra Cultural Balear (OCB); e Francesc Marco, secretario de Plataforma per la llengua.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, denunciou que o Estado Español está enfermo de desigualdade e de falta de equidade entre as súas linguas oficiais, pero advertiu que existe unha cura eficaz e facilmente aplicábel. Maceira recordou que, segundo datos oficiais, o galego está excluído do 92 % da escolas infantís dos núcleos de máis de 50 mil habitantes, o 24 % dos menores de 15 anos declaran non sentirse capaces de se comunicaren na nosa lingua e os servizos lingüísticos do TSXG só foron empregados para 145 de 331 mil documentos. «Son estes datos propios dunha lingua oficial de verdade?», pregúntase o presidente da Mesa, «hai realmente liberdade para vivir en galego?».

Neste sentido, Maceira recordou que o audiovisual é exemplo de exclusión, con só 26 títulos en galego dos case 26000 dispoñíbeis neste momento nas plataformas dixitais. Todos eles son producións galegas, non hai ningún dobrado nin lexendado. Practicamente todo está dobrado ao español.

O presidente da Mesa recordou, tamén, que a programación infantil na nosa lingua é do 4,6 % de luns a venres e do 2,7 % na fin de semana e que TVE só emite en galego 39 minutos de 120h/día. «A quen pode molestar que queiramos acceder a contidos audiovisuais en versión orixinal, dobrada ou lexendada a galego, éuscaro ou catalán?» pregúntase Maceira, «Aaquen pode molestar que a lei asegure que se poidan producir contidos audiovisuais nas nosas linguas en igualdade de condicións no acceso ao financiamento, ou que calquera filme ou serie estexa dobrado tamén ás nosas linguas?». «Parece que hai a quen si molesta e moito», lamenta, «como se mostra en que TVE continúe a emitir na súa App un filme tan premiado como O que arde, en versión orixinal en galego, só na dobrada ao español».

«Só queremos que os cidadáns e as cidadás galegas poidan gozar do audiovisual na súa lingua coas mesmas condicións que calquera outro», afirmou Maceira, «que os fillos de Jordi, os de Anna ou os meus, poidan vivir e crecer con toda naturalidade na súa lingua, tamén vendo nela os seus deseños animados favoritos». Neste sentido, a Mesa pola Normalización Lingüística procurará trasladar isto a todos os partidos do Congreso, para que na fase de emendas ao proxecto de lei do audiovisual fagan todo o necesario para atender as nosas demandas que tamén son as do conxunto do parlamento de Galiza.

Unanimidade dos partidos políticos galegos

A situación no audiovisual motivou unha Iniciativa Popular impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística que xuntou máis de 33 mil sinaturas e foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza.

Entre outras cuestións, acordouse solicitar do Goberno español que “a nova lei do audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda”, así como que “a CRTVE emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego”.

«Todos os partidos do Parlamento de Galiza entenderon que hoxe, sen audiovisual, non hai posibilidade de desenvolvemento da lingua galega e que temos que pór fin á exclusión das nosas linguas», recorda Maceira. «Cando só non temos posibilidade de ver algo en galego, éuscaro ou catalán estásenos impedindo usar a nosa propia lingua no noso propio fogar», conclúe.

Lamentábelmente, nada disto está recollido no proxecto de lei audiovisual, o que para o presidente da entidade de defensa da língua «é indicativo do nivel de propagación da enfermidade conxénita do Estado español, que é a alerxia pola pluralidade e a diversidade lingüística». «Pódese curar con vontade política, con democracia e con xustiza, aceptando e cumprindo as prescricións do Consello de Europa en relación á Carta Europea das Linguas ou do Relator especial da ONU para as minorías», afirmou.

«Se o goberno español ten realmente intención de avanzar na pluralidade e no recoñecemento da diversidade lingüística pode comezar facéndoo notar na lei», sentenciou Maceira. «Todas as formas de exclusión e de racismo, tamén o lingüístico deben ser eliminadas da lexislación dun estado democrático», concluiu.

As e os representantes das entidades de defensa das linguas do Estdo leron un manifesto conxunto no que lamentaron que a Lei do Audiovisual que se está tramitando teña «moi pouco impacto no avance cara á igualdade audiovisual das linguas oficiais diferentes do español», mesmo cando o piden os parlamentos galego, catalán e eúscaro.

O manifesto, integrado por sete puntos, pide que a lei inclúa un regulamento sancionador claro e conciso, que evite que as plataformas e os operadores prefiran pagar unha multa que cumprir a lei; que dentro dos catálogos, un 6 % sexa obra en galego, catalán ou basco; que  haxa dispoñíbeis produtos dobrados; que as plataformas cumpran a cota de compra ou investimento en obra europea en linguas oficiais; que se estabeleza unha cota de financiamento anticipado para producións en linguas propias cooficiais; que se contabilice a cota por horas; que haxa preminencia das obras europeas dispoñíbeis na lingua propia en cada territorio mediante a xeolocalització; que se inclúan as audiodescricións e a obrigatoriedade que a RTVE difunda os contidos con opción dobrada ao galego, catalán ou basco, especialmente na canle infantil e xuvenil e nas webs e aplicacións.

José Antonio Sierra Lumbreras
Licenciado en Filosofía y Letras, Magisterio y Estudios en la Escuela Oficial de Periodismo de Madrid. Residente 40 años en Francia, Reino Unido e Irlanda como profesor de español. En Irlanda fundó el Centró Español de Documentación y el Instituto Cultural Español, actual Instituto Cervantes de Dublín. Asímismo, fue corresponsal de: Agencia EFE, Diario Informaciones, Carta de España, Crónicas de la Emigración, España Exterior, La Región Internacional y Escuela Española. Jubilado.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.