‘Tanxugueiras’, Palabra do Ano 2021

‘Resiliencia e ‘vacinódromo’ foron as seguintes palabras máis votadas nun ano marcado de novo pola pandemia

A palabra tanxugueiras acaba de se converter na Palabra do Ano 2021, tras se facer coa maioría dos votos das persoas que participaron na elección popular promovida polo Portal das Palabras.

tanxugueiras ‘Tanxugueiras’, Palabra do Ano 2021
Tanxugueiras: Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro

A voz máis elixida entre as que chegaron á final do concurso promovido pola páxina web para a difusión do léxico da Real Academia Galega e a Fundación Barrié (tamén o fixeron coada, gromo, resiliencia e vacinódromo) gañou popularidade nos últimos meses da man da banda de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, un referente dos novos camiños que está a abrir, con grande éxito, a música tradicional galega.

E malia non estar no Dicionario, a palabra que escolleron para chamarse artisticamente ten as raíces ben chantadas no idioma de Galicia: Tanxugueiras é en realidade o plural dun microtopónimo, que elevado á Palabra do Ano se converte tamén nunha icona da gran riqueza da lingua galega como produtora de nomes de lugar que conforman un patrimonio inmaterial único no mundo.

O topónimo Tanxugueira popularizado pola banda musical designa unhas terras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós (Ourense), situadas nun alto e abeiradas. No territorio galego hai outro lugares co mesmo nome nos concellos de Catoira (Pontevedra), Dodro (A Coruña) e, de volta na provincia de Ourense, en Viana do Bolo, como se pode comprobar na aplicación Galicia Nomeada, a plataforma para a recolleita colaborativa da microtoponimia creada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

O vocábulo é unha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porco teixos, un tipo de mamífero de vida nocturna que se alimenta de bichocas, landras e plantas coma a do millo, polo que nalgúns lugares de Galicia se tocaba o corno polas noites para espantalo.

Esta voz popular remite probablemente ao latín taxo, taxonis, o nome latino que recibía o ‘teixugo’, aínda que podería vir tamén dunha suposta forma xermánica «thahsus» ou do gótico «thahsuks».

A pegada da pandemia, do segundo ao cuarto posto

Malia non poder coa ilusión contaxiosa da música, a COVID-19 si que deixa pegada no segundo, no terceiro e no cuarto posto da votación, que son pararesiliencia, vacinódromo e gromo. Aínda que resiliencia, na acepción da capacidade dos seres humanos para se adaptaren positivamente ás situacións adversas, é unha virtude útil en calquera momento, non hai dúbida de que o impacto na vida cotiá da pandemia fixo que se escoitase máis ca nunca nos últimos tempos este cultismo que bebe do latín resiliens, forma que remite ao verbo resilire ‘saltar cara a atrás’.

A loita contra o coronavirus non só elevou ás primeiras planas palabras xa coñecidas que non adoitaban ser noticia, tamén promoveu a creación de novas voces coma vacinódromo, sen dúbida un dos neoloxismos do ano. Este vocábulo de xeración popular dá nome ao lugar ao que acudimos en peregrinación a nos vacinar contra a covid-19, e fórmase a partir do substantivo vacina e do sufixo -dromo. Este último, nun primeiro momento indicaba o sitio onde se desenvolvía unha carreira, aínda que na actualidade fai referencia a un lugar amplo destinado a unha actividade concreta, como pode ser un aeródromo. Por iso non sorprende que a fala xerase a voz vacinódromo para referirse ao lugar onde se efectúa a vacinación masiva da poboación.

E que hai do substantivo que toma como base? A palabra que nomea a grande esperanza para saírmos da pandemia procede do latín científico variola vaccina, que significa ‘varíola das vacas’. O termo xurdiu a finais do século XVIII para designar o remedio que permitiu acabar coa enfermidade contaxiosa tamén coñecida como boas. Este logro débese a Edward Jenner, o científico británico que, ao observar que as leiteiras eran inmunes á varíola humana, deduciu que se debían de inmunizar cando muxían as vacas polo contacto coas bochas de pus que os animais tiñan nos ubres por mor dunha doenza similar, a varíola bovina, pero menos virulenta. Daquela probou a inocular unha pequena cantidade do virus das vacas a un cativo e comprobou que tiña unhas pequenas molestias, pero que logo non se contaxiaba da enfermidade humana mortal.

Os votos dos usuarios e usuarias do Portal das Palabras deixaron en cuarto lugar a palabra gromo, que coa pandemia de coronavirus incorporou na súa entrada no Dicionario da Real Academia Galega o significado de «aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, así como o de primeira manifestación ou aparición de algo».

En canto a coada, na acepción referida ao manto de lava en estado líquido emitida por un volcán durante as súas erupcións, quedou en quinto e último lugar despois de moito repetirse nos medios de comunicación e na rúa debido á actividade volcánica que abriu tantos telexornais dende o mes de setembro.

Un espazo lúdico de divulgación da lingua

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven dende 2014 a elección da Palabra do Ano a través do Portal das Palabras, o proxecto que comparten para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da lingua galega. Cada semana ofrece xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

Nas edicións anteriores foron elixidas Palabra do Ano nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

José Antonio Sierra Lumbreras
Licenciado en Filosofía y Letras, Magisterio y Estudios en la Escuela Oficial de Periodismo de Madrid. Residente 40 años en Francia, Reino Unido e Irlanda como profesor de español. En Irlanda fundó el Centró Español de Documentación y el Instituto Cultural Español, actual Instituto Cervantes de Dublín. Asímismo, fue corresponsal de: Agencia EFE, Diario Informaciones, Carta de España, Crónicas de la Emigración, España Exterior, La Región Internacional y Escuela Española. Jubilado.

1 COMENTARIO

  1. A palabra do ano 2017, Afouteza, foi grazas ao Celta que a popularizou e aparece nos túneles do estadio de Balaídos e dá nome á súa cidade deportiva

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.