Yolanda Castaño gaña o XI Premio de Poesía Fundación Novacaixagalicia

O premio, convocado polo Centro Pen de Galicia, conta co patrocinio da Fundación Novacaixagalicia e da Xunta de Galicia

YolandaCastaño_jcriss-300 Yolanda Castaño gaña o XI Premio de Poesía Fundación Novacaixagalicia
Yolanda Castaño. Foto: José Carlos Rodríguez Santos para ‘Galicia de moda’. www.jcriss.com

O XI Premio de Poesía Fundación Novacaixagalicia recoñece coa unanimidade do xurado a Yolanda Castaño polo seu traballo A segunda lingua, presentado baixo o lema “Deslinguada”. Hoxe deuse a coñecer a gañadora do premio de poesía máis emblemático de Galicia que, tras a deliberación do seu xurado, reunido no Centro Cultural da fundación galega en Compostela, decidiu outorgar o galardón a esta escritora compostelá afincada na Coruña por un poemario que se caracteriza pola súa frescura e por unha anovadora ironía.

O xurado integrado por Pedro Otero Espinar, xerente da Fundación Novacaixagalicia, como secretario; Luís González Tosar, presidente do Centro Pen de Galicia, como presidente do mesmo; Óscar Javier Castro Martínez; Armando Requeixo Cuba; Luis Pousa Rodríguez; e Fina Casalderrey, valorou a capacidade do texto para elevar o cotiá a categoría estética, así como a elasticidade da súa linguaxe poética e considera a obra un referente na traxectoria do certame. O xurado explica que A segunda lingua, que foi premiada por unanimidade e con convencemento e paixón lectora, é un poemario que percorre o cotiá dende unha óptica de saudable ironía. O amor, as circunstancias do día a día, a visión do propio oficio creador e mesmo o universo de relacións persoais entran en xogo para ofrecer un vitral poético de fórmulas estilísticas anovadoras e unha linguaxe que se alimenta de rexistros idiomáticos moi diversos e vizosos debido á modernidade e á refrescante capacidade, que o texto ten, de debruzarse na maxia das pequenas – grandes cousas que acompañan a existencia.

Así mesmo, o xurado destacou o gran nivel dos traballos presentados nesta convocatoria, moi superior respecto doutras edicións, feito que evidencia a boa saúde da creatividade dos poetas galegos e que deixa constancia de que a poesía está a vivir un momento poderoso e que asiste a un cambio de ciclo. Neste 2013, no que galardón cumpre once anos de vida, 52 orixinais competiron polo primeiro posto.

A premiada

Yolanda Castaño, de orixe santiaguesa e cidadá da Coruña, licenciouse en Filoloxía Hispánica pola Universidade da Coruña e desenvolve a súa actividade profesional no eido da produción e da crítica literaria, ademais da comunicación. Ela é unha escritora prolífica e unha activista da palabra en verso, que se deu a coñecer moi nova no mundo das letras en galego. No ano 1990 con pequenos poemarios e poemas soltos recibiu diversos galardóns; no ano 94 participou no II Certame Xuventude e un ano despois publicou o seu primeiro libro de poemas Elevar as pálpebras. Catro anos máis tarde, no 1998, edita Delicia e Vivimos no ciclo da Erofanías, este último cunha excelente acollida do público e da crítica, un libro que a levou a obter o Premio da Crítica de poesía galega. No 2003 regresa ás librerías co conxunto de poemas O libro da egoísta que foi reeditado un ano máis tarde polo seu éxito de vendas e no 2007 gaña o emblemático Premio de Poesía Espiral Maior polo traballo Profundidade de campo, un libro que acadou tamén o Premio El Ojo Crítico de RNE na súa tradución ao castelán. As obras de Yolanda foron levadas ao castelán por ela mesma e moitas delas, como esta última, acadaron premios e boas críticas.

O premio

O galardón botou a andar no ano 2002 por iniciativa do Pen Club de Galicia e da Fundación Novacaixagalicia. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras ou X. Daniel Costas, que foi o gañador, entre os 71 orixinais presentados, da anterior convocatoria.

A presente edición, a undécima, conta por vez primeira co apoio e a participación da Xunta de Galicia, que decide implicarse no proxecto para garantir a estabilidade do premio, para preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega e, sobre todo, para estimular a creación literaria. A Fundación Novacaixagalicia e mais o Centro Pen de Galicia, tras once anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galegas, continúan a traballar por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

www.obrasocialncg.com.

 

Manuel López
Fallece en diciembre de 2014, siendo editor adjunto de Periodistas en Español. Periodista, fotógrafo, profesor y consultor de medios. En la profesión desde 1966. Perteneció a las redacciones de 'Gaceta ilustrada', 'Cuadernos para el Diálogo", 'El Periódico" y 'Tiempo'. En 1982 funda FOTO, revista que edita y dirige hasta 2009 (287 números). Fue vocal por el sector de la Fotografía en la Comisión Redactora del Anteproyecto de Ley de Propiedad Intelectual de 1987. Profesor de Fotografía de la Universidad Nebrija (1997-2001). Desde 2000, vinculado a la Escuela Superior de Publicidad. Autor de 'Fotografía Creativa', guía didáctica de un curso en una plataforma 2.0 (282 págs., Maren, Madrid, 2010). Su exposición fotográfica antológica 'Manuel López 1966-2006' va camino de 40 itinerancias por España y América.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.