Toponimia da Pontenova na colección Terra Nomeada

Xulia Marqués Valea

Cal é a orixe e o posible significado dos nomes das 11 parroquias e 102 entidades de poboación do concello lugués da Pontenova? A filóloga Xulia Marqués Valea dá resposta a estas preguntas no número 7 da colección Terra Nomeada da Real Academia Galega, promovida polo Seminario de Onomástica da institución en colaboración coa Asociación Galega de Onomástica.

pontenova-hornos-mineros Toponimia da Pontenova na colección Terra Nomeada

O libro pode descargarse de balde en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.

Xulia Marqués Valea é doutora especialista en toponimia con ampla experiencia en estudos etimolóxicos, recollida de campo e didáctica da onomástica. O volume que lle dedica á Pontenova —publicado co apoio da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación— é a súa segunda achega á colección Terra Nomeada, á que xa contribuíra coa centrada noutro municipio da comarca da Mariña Oriental, Trabada, o seu concello natal, que limita ao norte coa Pontenova.

Ademais de recoller todas as entidades de poboación da Pontenova tal como figurarán na vindeira edición do Nomenclátor de Galicia, a investigadora engadiu dúas entradas correspondentes a accidentes xeográficos importantes deste territorio, o río Eo e a serra do Pousadoiro, e unha terceira, Miranda, por ser o antigo topónimo que lle deu nome ao Concello (de Miranda), á xurisdición Miranda ou ás Terras de Miranda e mesmo ao río Eo, coñecido tamén como río de Miranda.

Algúns dos topónimos analizados son únicos en toda Galicia. É o caso de formas como NeipínO Puiteiro ou Brandiz. Esta última, que dá nome a un lugar da parroquia de Conforto, está emparentada coa galega e portuguesa Brandariz, non ofrece moitas dúbidas sobre a súa orixe, probablemente un nome de persoa de orixe xermánica. «Procedería do xenitivo do nome de orixe xermánica Brandaricus (Brandarici > Brandriz > Brandiz)», explica a autora.

Para Neipín, lugar da parroquia de Vilaboa, non hai polo momento unha hipótese etimolóxica definitiva, pero Xulia Marqués Valea formula dúas vías interpretativas, unha baseada tamén na antroponimia e outra na orografía da zona. Na primeira, Neipín derivaría dun hipotético nome persoal de procedencia latina *Naepinus. «En latín existía Naevio, Naevos e Naev-inus; ademais, Naepor, a partir do que se puido formar *Naep-inus, hipocorístico», propón.

Para o suposto inspirado nas características do terreo, a filóloga recorda que Aníbal Otero incluíra entre o vocabulario de San Xurxo de Piquín a voz neipín v. aneipar ‘acoller’. «Neipín podería referirse, á vista disto, a un ‘lugar que acolle’ e, seguindo esta liña argumentativa, a un ‘sitio protexido, abrigado’», suxire.

O Puiteiro é outro topónimo de orixe descoñecida, aínda que parece conter o substantivo outeiro. «Posiblemente estea emparentado co apelativo piouteiro que figura entre o léxico do galego de Asturias co significado ‘lugar máis alto con respecto aos terreos que están arredor’», detalla.

Entre os topónimos transparentes figura o que lle dá nome ao concello, A Pontenova. O núcleo nominal ponte procede do latín pǒnte ‘ponte’e o adxectivo nova do cualificativo feminino nǒva ‘nova’.

No plano semántico, é indicio dunha infraestrutura primitiva da que se descoñece se foi de fábrica medieval ou moderna, se chegou a ter valor patrimonial ou histórico ou se a súa localización coincidiu ou non con esa ponte nova, cuxo primeiro dato documental claro e seguro é do ano 1645.

«A esa altura, os veciños de Conforto e Viloudriz mantiñan un litixio cos de Vilaméa ‘Sobre el adreço y fábrica de la puente del río de Miranda’ que llaman Puente Nueba”», concreta Xulia Marqués Valea a partir de fontes dispoñibles na Biblioteca Dixital de Galicia.

José Antonio Sierra Lumbreras
Licenciado en Filosofía y Letras, Magisterio y Estudios en la Escuela Oficial de Periodismo de Madrid. Residente 40 años en Francia, Reino Unido e Irlanda como profesor de español. En Irlanda fundó el Centró Español de Documentación y el Instituto Cultural Español, actual Instituto Cervantes de Dublín. Asímismo, fue corresponsal de: Agencia EFE, Diario Informaciones, Carta de España, Crónicas de la Emigración, España Exterior, La Región Internacional y Escuela Española. Jubilado.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.