Colección Novacaixagalicia en Vigo

A mostra «Esencia dunha colección. Fundación Novacaixagalicia» repasa a arte galega dos últimos 200 anos

A Fundación Novacaixagalicia inaugurou hoxe, ás 20.00 h, a exposición «Esencia dunha colección. Fundación Novacaixagalicia» no seu centro social da cidade viguesa, localizado na rúa Policarpo Sanz, 26. Á presentación en sociedade da mostra asistiron o alcalde do Concello de Vigo, Anel Caballero; a conselleira de facenda da Xunta de Galicia, Elena Muñoz; e o xerente da Fundación Novacaixagalicia, Pedro Otero, que coincidiron en salientar a importancia que supón para Galicia ter unha colección de arte con máis de 5000 obras que recollen a historia da arte galega desde o século XIX ata os nosos días. A mostra poderá ser visitada de xeito permanente no propio centro social da entidade en horario de martes a sábado de 17.30 a 20.30h.

Castelao.-El-emigrante.-1916_550 Colección Novacaixagalicia en Vigo
Castelao. O emigrante, 1916
Castrelao.-El-regreso-del-indiano-1918_550 Colección Novacaixagalicia en Vigo
Castelao. Regreso do indiano, 1918

 

Este espazo da colección, que se abre con 66 das súas obras, reúne a esencia mesma destes fondos e resume o seu significado global para constatar as súas orixes e o seu obxectivo de difundir e poñer á disposición da poboación galega un patrimonio artístico que forma parte da súa propia historia, en palabras de Pedro Otero a exposición «pon á disposición da sociedade galega un patrimonio artístico e cultural que lle pertence porque forma parte do seu ideario colectivo e dunha cultura común que a identifica e a distingue». A conselleira, pola súa banda, detívose na importancia de preservar este patrimonio e afirmou que «A Xunta de Galicia valora estes fondos como parte do cerne da cultura do país e recoñece o seu carácter sobranceiro como conxunto artístico único e como propiedade intelectual da sociedade galega, por iso acaba de poñer en marcha os trámites administrativos necesarios para declarala Ben de Interese Cultural».

Deste modo, o proxecto preséntase ao público a través dun discurso cronolóxico que repasa a historia da arte en Galicia desde o Romanticismo ata a actualidade, unha serie de obras que non só recompila os grandes movementos artísticos dese período dunha maneira illada senón que os presenta como un reflexo das grandes preocupacións sociais dos últimos dous séculos: as vangardas parisienses, a emigración, a Guerra Civil, o espírito da globalización do século XXI ou a ecoloxía.

A mostra deixa constancia, pois, de como desde mediados do século XIX ata principios do XX, prestixiosos artistas galegos conseguen darlle á pintura a brillantez que, durante o Románico e o Barroco, mantiveran só a escultura e a arquitectura. Neste período os xéneros protagonistas son a paisaxe e o retrato. Con ambos se consolida a primeira Escola Galega de Pintura, que recrea unha Galicia por veces idealizada, por veces impregnada do realismo propio da denominada Xeración Doente, que Ovidio Murguía de Castro abandeiraba. Neste período destaca tamén a pintura de denuncia e de crítica social, perfectamente representada por Castelao. O discurso expositivo continúa coa década dos anos 30 que se caracteriza pola defensa da tradición tinguida de vangarda por parte dos Renovadores nun proceso de universalización da arte galega que desemboca en traxectorias persoais como a de Laxeiro, Arturo Souto ou Seoane. Estes anos deron á luz tamén figuras como Urbano Lugrís que traduce o realismo máxico inherente á alma galega en iconografía mariñeira e colorista: figuras como Maruja Mallo ou Egenio Granell que achegan riqueza ao Surrealismo coa exuberancia sudamericana durante os anos do exilio.

Continúa o percorrido na década dos 50, momento no que a arte reflicte, a través do movemento abstracto, o proceso de incipiente apertura ao exterior por parte de España. Desde fóra de Galicia artistas como Caruncho, Lago Rivera ou Labra conectan con iniciativas internacionais de abstracción tanto líricas como xeométricas. Neste momento destaca a figura do autodidacta Tino Grandío que integra a Escola de Madrid, Manuel Mampaso que gaña, co seu informalismo, a I Bienal Hispanoamericana en 1951. En Galicia a proposta informalista evoluciona a experiencias tan interesantes como a de Leopoldo Novoa nos anos 70. Nestes anos xorde, como alternativa á linguaxe abstracta, a Nova Figuración que preconiza o retorno ao obxecto e á realidade, aínda que o fai enriquecida polas achegas da abstracción e as técnicas do Informalismo. O resultado destas pescudas desemboca en tendencias expresionistas, formas orgánicas deformadas ou sensacións de ingravidez e irrealidade, patentes en obras como as de Jorge Castillo ou Xaime Quessada, e que en ocasións conteñen certo carácter de denuncia social.

A mostra reúne, así mesmo, a década dos 80 e o presente artístico. A globalización, os cambios políticos e unha España que acaba de estrear a democracia marcan eses anos nos que os artistas deixan a denuncia social e a protesta para se entregaren ao pracer da creación. Un heteroxéneo grupo de artistas enmarcados inicialmente como movemento Atlántica, retoma o espírito das vangardas de principios de século para facer unha arte fresca e oceánica, que olla cara ao norte de Europa e Nova York. Esta linguaxe abstracta convive con modelos expresionistas que hoxe son referencias internacionais. O discurso da mostra péchase co presente artístico, marcado polas linguaxes globais, polas posicións éticas e por unha homoxeneidade derivada do multiculturalismo e do trepidante avance tecnolóxico. Neste contexto, os artistas galegos abandonan a procura da propia identidade en favor dunha visión máis universal que se compromete coa ecoloxía, coa propia existencia e co sentido da arte.

Unha exposición que fai un percorrido minucioso e exhaustivo pola arte galega dos últimos 150 anos e que deixa constancia da esencia da colección de arte da Fundación Novacaixagalicia. Uns fondos que a entidade pon á disposición de toda a cidadanía galega a través dunha serie de diferentes proxectos expositivos na que se enmarca esta mostra, «Esencia dunha colección. Fundación Novacaixagalicia». Nestes momentos a fundación ten en marcha ao longo de todo o territorio galego diferentes exposicións montadas cos seus fondos ou proxectos expositivos nos que as súas obras participan, tales como: «Os anos circulares. Últimas tendencias da figuración en Galicia, 1994-2013» en Ourense; «Múltiples. A arte do gravado de Picasso a Barceló» en Lugo; «Imeldo Corral. Paisaxista das Irmandades» en Ferrol; e «Da fantasía á realidade. Pintura en Galicia 1833-1936» en Pontevedra. Outras mostras recentemente clausuradas foron «Afluentes 68. A nova figuración» que visitou Lugo e Pontevedra; «Debuxando un mapa. Novas linguaxes da figuración en Galicia nos anos 80» localizada en Vigo e Santiago; «Deside, a pintura sen tempo» que estivo exposta para o público pontevedrés ata o mes de maio; «A escultura extensa» que se achegou a Ourense; «A divina comedia de Salvador Dalí» que viaxou a Ferrol e Lugo ou «Leopoldo Nóvoa, alén do tempo» que se presentou en Compostela e A Coruña.

 

Arturo-Souto.-Japonesas.-1955-550 Colección Novacaixagalicia en Vigo
Arturo Souto. Japonesas, 1955

 

O programa educativo

A Fundación Novacaixagalicia preparou un programa de actividades didácticas que axudarán os seus participantes a comprender e a gozar da súa colección e da historia máis recente da arte galega. A resposta do público escolar a esta proposta educativa foi inmediata pois máis de 3000 rapaces están xa anotados para asistiren aos obradoiros que a conforman, á espera de que a exposición arranque e con ela as súas actividades. Van dirixidas aos escolares e ao público xeral, para este último a entidade ofrece un servizo de visitas comentadas, os que desexen participar nel deben facer a súa reserva no teléfono 986 129 032. Para o público escolar a fundación galega ofrece seis obradoiros diferentes agrupados en dous programas e adaptados aos diferentes niveis educativos. O primeiro programa é «A historia de Galicia a través da arte» no que os estudantes repasarán os fitos históricos da nosa comunidade dentro do período cronolóxico que abrangue a exposición. Tres obradoiros inclúense nesta proposta: «Sopa de caracol» dirixido a educación infantil e primeiro ciclo de educación primaria; «O misterio do emigrante de Castelao» orientado aos rapaces de segundo e terceiro ciclo de primaria; e «Historias de lenzos, lenzos de historia» para ESO, bacharelato e ciclos formativos. O segundo dos programas didácticos leva por título «Historia da arte galega», un percorrido polas diferentes disciplinas artísticas recollidas na mostra. Outros tres obradoiros conforman esta proposta: «As catro estacións da arte» para educación infantil e primeiro ciclo de educación primaria; «A historia da arte segundo os alumnos de primaria» orientado aos rapaces de segundo e terceiro ciclo de primaria; e «Esencias e aparencias da arte galega», un taller para ESO, bacharelato e ciclos formativos. Todos aqueles centros que desexen participar nesta iniciativa poderán facelo reservando a súa praza a través do teléfono 986 129 032.

A Fundación Novacaixagalicia, entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.

www.obrasocialncg.com.

Esta noticia en español

 

Manuel López
Fallece en diciembre de 2014, siendo editor adjunto de Periodistas en Español. Periodista, fotógrafo, profesor y consultor de medios. En la profesión desde 1966. Perteneció a las redacciones de 'Gaceta ilustrada', 'Cuadernos para el Diálogo", 'El Periódico" y 'Tiempo'. En 1982 funda FOTO, revista que edita y dirige hasta 2009 (287 números). Fue vocal por el sector de la Fotografía en la Comisión Redactora del Anteproyecto de Ley de Propiedad Intelectual de 1987. Profesor de Fotografía de la Universidad Nebrija (1997-2001). Desde 2000, vinculado a la Escuela Superior de Publicidad. Autor de 'Fotografía Creativa', guía didáctica de un curso en una plataforma 2.0 (282 págs., Maren, Madrid, 2010). Su exposición fotográfica antológica 'Manuel López 1966-2006' va camino de 40 itinerancias por España y América.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.