María Rosa Lojo académica de honra da Real Academia Galega

A escritora María Rosa Lojo, unha das figuras máis recoñecidas das letras arxentinas contemporáneas, ingresará na Real Academia Galega como membro de honra o mércores 28 de setembro 2022.

maría-rosa-lojo-©-sara-facio María Rosa Lojo académica de honra da Real Academia Galega
María Rosa Lojo © Sara Facio

A autora, pronunciará o discurso titulado Unha galega filla en Buenos Aires nunha sesión extraordinaria que se desenvolverá a partir das 19:30 horas no salón de actos da RAG.

Responderalle en nome da institución o presidente Víctor F. Freixanes. O acto, aberto ao público ata completar a capacidade da sala, poderá tamén seguirse en directo dende academia.gal.

A RAG nomeou a María Rosa Lojo (Buenos Aires, 1954) membro de honra no pleno celebrado a finais de decembro de 2019 pero o ingreso tivo que adiarse por mor da pandemia de coronavirus.

Filla de pai galego e nai castelá, a académica electa conta cunha salientable traxectoria tanto como experta en literatura como autora dunha destacada obra creativa que a converteu nunha das escritoras arxentinas máis internacionais.

A súa é unha voz profundamente vencellada a Galicia. A emigración e o exilio son constantes por igual nos seus textos autobiográficos e de ficción e nos ensaios de investigación, á procura da restauración do legado galego no imaxinario arxentino como imprescindible elemento fundador da súa nacionalidade.

Con este obxectivo desenvolve tamén unha tarefa de divulgación constante entre a colectividade galega en Arxentina e en foros especializados internacionais.

María Rosa Lojo, doutora en Letras pola Universidade de Buenos Aires, foi investigadora principal do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas de Arxentina (Conicet) e na actualidade é directora académica do Centro de Edicións Estudos Críticos de Literatura Arxentina na Facultade de Filosofía, Letras e Estudos Orientais da Universidade do Salvador, na capital porteña.

Dende 2015 é membro correspondente da Academia Norteamericana da Lingua Española (ANLE) e dende 2017 pertence ao consello de administración da Fundación Sur.

A súa obra literaria foi traducida a distintos idiomas e mereceu galardóns como o Premio de Poesía da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires (1984), o do Instituto Literario e Cultural Hispánico de California (1999), o Premio á traxectoria en Literatura da asociación Artistas Premiados Arxentinos ou o Gran Premio de Honra 2018 da Sociedade Arxentina de Escritores, que recibiu por primeira vez en 1944 Jorge Luis Borges.

A autora recoñece a influencia que na súa literatura exerceron especialmente as lecturas de Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro, pero antes de que iso acontecese xa atopara nos relatos orais do pai un elemento de identificación que compara ao que na cultura dos mapuches e ranqueis, os pobos orixinarios do centro e do sur de Arxentina, representa o chamado «canto de liñaxe».

A pegada galega aparece dende a súa primeira novela, Canción perdida en Buenos Aires al Oeste (1987) ata a última, Solo queda saltar (2018), pasando por Finisterre, traducida ao galego como A fin da terra (2006), Árbol de familia (2010) e Todos éramos hijos (2014).

Outro exemplo é o álbum ilustrado O libro das Seniguais e do único Senigual, publicado orixinalmente en 2010 en galego e vertido seis anos despois ao castelán.

Moitas das publicacións científicas de María Rosa Lojo abordan tamén especificamente a cuestión galega, deténdose na emigración, o exilio e os espazos simbólicos e a súa influencia na identidade arxentina.

As súas achegas abranguen, entre outros temas, o estudo dos estereotipos galegos no seu país natal e as súas transformacións, abordadas no libro Los ‘gallegos’ en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa (2008); ou os aspectos autoficcionais da súa propia obra, temas todos eles tratados tamén en encontros internacionais nos que contribúe ao coñecemento da cultura galega.

editor
Los editores de Periodistas en Español valoran las informaciones y artículos recibidos en la redacción con criterios profesionales y tienen la obligación de cumplir y hacer cumplir las normas deontológicas que deben suscribir todos los colaboradores.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.