O Apalpador entregou esta mañá na delegación do goberno español na Coruña as 10.000 sinaturas recollidas pola Mesa pola Normalización Lingüística a prol da igualdade para a dobraxe e a lexendaxe en galego na nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, dentro da Iniciativa Netflix en galego: queremos todo o audiovisual na nosa lingua.
As persoas asinantes instan a Vicepresidencia de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a incluír as medidas a favor da lingua galega acordadas por unanimidade no Parlamento Galego: que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda; e que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.
«O Apalpador quere agasallar audiovisual en galego», explicou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, «e, por iso, lle fai entrega ao goberno español destas sinaturas que representan a vontade que ten a poboación galega de vivir en liberdade na súa lingua».
«A nova lei audiovisual comezará a se debater en febreiro», explicou Maceira, «e o único que se sabe dela con certeza é o que di o proxecto: nada de financiamento para producións en galego, nada de dobraxe e lexendaxe en todos os filmes e series».
«Queremos igualdade para todas as linguas», recordou, «queremos ter opción e liberdade para o galego no audiovisual».
«É posíbel un grande avance», asegurou, «mais dependerá do que nos activemos e nos mobilicemos para o conseguir».
«Todos os avances para o galego foron conquistas que se acadaron nas rúas», concluiu Maceira esta mañá na Coruña, «estaremos nas rúas se é preciso para termos galego no audiovisual».