O espectáculo poderá verse a partir do luns e durante todo o mes de agosto. Unha montaxe de 60 minutos na que participan gaiteiros das mellores bandas de Galicia
O Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia en Santiago de Compostela acollerá a partir do vindeiro luns 5 de agosto o espectáculo Galician Music Show. Raíces Galegas, unha montaxe musical de 60 minutos de duración na que participan unha selección de gaiteiros das mellores bandas de Galicia e na que se combinan actuacións en directo cunha proxección audiovisual.
Raíces Galegas está dirixido por Jhonathan Ferreira, promotor do proxecto RedeGaita e un dos directores musicais máis recoñecidos no ámbito deste instrumento en Galicia, e con el preténdese dar a coñecer a esencia do folclore de Galicia «coa recreación en escena da realidade máis auténtica do noso país. Un típico día de festa que se podería vivir en calquera pobo». Desde unha «alborada» interpretada por un cuarteto tradicional ata unha «noite de troula», o espectáculo fai un percorrido polas distintas horas do que é o “día grande” dunha festa e achega o espectador aos sons da «liturxia», a «procesión», a «sobremesa», a «foliada» ou o «pasarrúas».
Cun marcado compoñente didáctico, o de presentar as liñas mestras da música tradicional de Galicia nas súas festas populares, o espectáculo diríxese especialmente a todos aqueles que visitan o noso país, para que poidan coñecer os sons esenciais e tamén achegarse ao seu significado no contexto das celebracións populares, pero «pode ser igualmente gozado polos propios galegos».
RedeGaita interpreta as pezas que se presentan no espectáculo, que conta tamén coa colaboración na dirección de Javier Correa e Lucía Pérez, e no que os asistentes poderán escoitar interpretacións solistas, un cuarteto e un quinteto tradicionais, un trío de pandereteiras ou dous dúos de gaita e percusión. Todos en conxunto conformarán a gran festa do Galician Music Show. Raíces Galegas.
As actuacións desenvolveranse no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia, Rúa do Vilar, 19, durante todo o mes de agosto, os luns e os venres e en dúas sesións, ás 17.00 h e ás 19.00 h.
A Fundación Novacaixagalicia, entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.
www.obrasocialncg.com.