O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, recibiu hoxe en Barcelona o Premio Ciudad Sostenible na categoría Auga polo proxecto de posta en valor da Conca do río Eume. Este Premio o outorga a Fundación Fórum Ambiental e o Smart City Expo World Congress co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
Nesta mesma categoría estaban nomeados tamén o Ayuntamiento de Barcelona e mais o de Paterna, pero o xurado decantouse polo traballo realizado pola Deputación porque, entre outras cuestións, “concibe a auga non só como un recurso, senón como unha parte indispensable da vida e do medio ambiente”.
Ademais, tal e como matiza a memoria presentada a este premio nacional, tívose tamén en conta que “o Proxecto Mandeo é un exemplo de investimento en infraestruturas sanitarias, tanto na saúde do río coma na dos cidadáns, e tamén en educación e formación ambiental”.
Tras recibir o galardón, Diego Calvo salientou que “estase a valorar o grande esforzo realizado polos traballadores da Deputación para poñer en marcha un plan con resultados e efectos sostibles a medio e largo prazo”. Así, ademais do recoñecemento ao proxecto da xestión da auga, citou “todas as actuacións de dinamización turística levadas a cabo e que incidiron de xeito moi importante no desenrolo económico e social dos territorios da conca do Mandeo”.
Como exemplo puxo a rede de Refuxios do Río Mandeo que funciona agora como asociación privada ou os centros pedagóxicos e de interpretación abertos tanto no Concello de Coirós como no de Curtis.
Ademais, salientou que o premio “é para os nove concellos que participaron no proxecto” e agradeceu aos membros do xurado o recoñecemento porque “estou convencido de que servirá de revulsivo para a zona e dará un impulso maior ao territorio Mandeo e a todas as infraestruturas que se realizaron na zona dentro do plan”.
A xestión da auga no Plan Mandeo
O Proxecto Mandeo vén a demostrar como o río pode converterse nun elemento integrador e dinamizador que potencie o desenrolo sostible da súa conca. O éxito do proxecto centrouse en tres áreas concretas: a optimización no uso da auga, a dinamización do sector turístico da zona; e a educación e formación Ambiental. Ademais, tívose en conta tamén que, unha vez rematada a vixencia do plan, non serán necesarios máis investimentos, xa que as infraestruturas quedaron finalizadas e agora tan só resta unha labor de mantemento mínimo.
Premios Ciudad Sostenible
A Fundación Fórum Ambiental, co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, convoca anualmente os premios Ciudad Sostenible coma recoñecemento aos municipios e entidades locais supramunicipais do Estado que aposten por proxectos e actuacións dirixidas a potenciar á sostibilidade.
Ademais da categoría da auga, na que resultou gañadora a Deputación da Coruña, tamén entregan recoñeceron o traballo doutros municipios de España nos apartados xestión de residuos, educación ambiental, xestión enerxética, cambio climático e cidade máis sostible.